viernes, 30 de abril de 2010

Era tan desapiadadamente amable que me facía sentir imbécil.

Nas fotos, nas poucas nas que eu aparecía, víaseme rompendo a verticalidade do resto dos fotografados, da paisaxe e ata das ordes que máis dunha vez me deu o fotógrafo, inclinábame sempre cara a un lado, como se un vento furioso me desprazase. Nin sequera as miñas faccións eran tan nitidas, tan definidas como se esperaría. Saía desenfocado. Era un ser permanentemente desenfocado, que sorría con tristeza e iso cando sorría. Sorria coa obriga de debuxar na cara unha curva cara arriba para non parecer un túzaro.
Sorría, pero estaba noutro lugar.